Wednesday 15 de May de 2024

Medio centenar de persoas das federacións asistiros ás novas Xornadas de Deporte Inclusivo para fomentar o proceso de integración dos deportistas


_A Coruña, Vigo e Santiago acolleron os bloques das xornadas: ‘A inclusión no deporte: o papel das federacións deportivas’ que recollen a remuda das realizadas entre os meses de maio e xuño baixo o título ‘ ‘Formación do persoal técnico deportivo para a inclusión das persoas deportistas con diversidade funcional’

A Xunta de Galicia, a través da Escola Galega do Deporte da Secretaría Xeral para o Deporte e coa colaboración do Clúster da Industria do Deporte e o Benestar de Galicia, vén de organizar unha nova xornada formativa gratuíta para persoal vinculado coas federacións deportivas galegas sobre deporte inclusivo titulada: ‘A inclusión no deporte: o papel das federacións deportivas’ . Con este curso trátase de achegar as diferentes vías de inclusión ao persoal técnico das federacións deportivas galegas: adestradores, árbitros, xuíces e xuízas, deportistas e demais persoas relacionadas co eido deportivo. O curso realizou un percorrido desde o plano máis teórico tocando conceptos como discapacidade, inclusión social, apoios, dereitos, calidade de vida e actividade física, ata elementos máis prácticos como recursos metodolóxicos para garantir o acceso e a plena participación no ámbito deportivo. Os obxectivos foron os de coñecer os conceptos clave da inclusión no deporte, comprender as diferentes vías de inclusión e fomentar o proceso de integración nas federacións deportivas galegas.

O primeiro bloque -Introdución ao marco teórico da inclusión no deporte-, impartido no Servizo Provincial de Deportes da Coruña o pasado 3 de novembro, constou dun repaso polo concepto e os modelos da discapacidade, así como polo espectro de inclusión no deporte incidindo na importancia do papel da comunidade. O segundo bloque -Os modelos segregados, ou como incluír desde a contorna- tivo lugar o 7 de novembro no Servizo Provincial de Deportes de Vigo, centrado nas diferentes posibilidades de práctica de xeito segregado, xa sexa en clubs e deportes específicos ou en clubs e deportes convencionais, en categorías específicas para persoas con discapacidade.

O martes 14 de novembro tivo lugar o terceiro bloque -Os modelos inclusivos, ou como participar de forma conxunta- impartido de xeito online para facer un repaso polas diferentes opcións de práctica deportiva inclusiva en diferentes niveis e os distintos recursos metodolóxicos a empregar nestes casos. O cuarto bloque -Experiencias prácticas no espectro de inclusión no deporte- levouse a cabo o pasado venres 24 de novembro, na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) en Santiago de Compostela onde se presentaron diferentes experiencias prácticas para por de manifesto o tratado nos bloques anteriores, poñendo especial relevancia nas múltiples opcións de participación derivadas do espectro de inclusión no deporte. Por último, as persoas participantes elaboraron un plan de inclusión na súa entidade, apoiándose nos recursos e ideas tratados na formación o que correspondeu co quinto e último bloque das xornadas.

Cómpre salientar a dilatada experiencia no eido do deporte adaptado das persoas relatoras nestas xornadas entre as que destacan a doutora pola Universidade da Coruña con tese con mención internacional sobre procesos de inclusión no deporte e o modelo Mixed Ability, Carla da Silva; o promotor da iniciativa SOMOS, Iago G. Menduíña; a doutora pola Universidade Politécnica de Madrid e membro da xunta directiva da Federación Española de Deportes para Persoas con Discapacidade Intelectual, Carmen Ocete: ou o licenciado en Pedagoxía e secretario de IMAS Spain, David Izquierdo. Entre as entidades vinculadas ao deporte adaptado que participarán nas xornadas relatando a súa experiencia destacan a Federación Galega de Deporte Adaptado, a Fundación ENKI, IBERCONSA AMFIV, Club Maristas Coruña ou Saski Baskonia.

Estas xornadas recollen a remuda das realizadas entre os meses de maio e xuño e que levaron por título: ‘Formación do persoal técnico deportivo para a inclusión das persoas deportistas con diversidade funcional’ cuxo obxectivo era a capacitación do persoal federativo en actuacións de promoción da igualdade de oportunidades e condicións entre persoas con diversidade funcional no ámbito do deporte, actuacións consideradas estratéxicas para o crecemento do deporte galego, e presentes tamén nas políticas da Administración deportiva autonómica e nos Fondos Europeos (Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia).